2 jun 2013

A voltas coa fantasía

A petición de Elena Gallego Abad, participante no noso Campionato de Fantasía en Galego, hoxe traémosvos una entrada na que recollemos algunhas escritoras de fantasía na nosa lingua (podedes atopar exemplos de escritoras en castelán en Lecturas en femenino: "Hacia mundos fantásticos").

Xa temos falado neste blog de literatura fantástica, e moito (para proba o citado campeonato), non sabemos ben se por azares da vida ou porque realmente é un xénero que chama actualmente a atención d@s devorador@s de libros. Mais ese non é caso do noso estudo, pois quen isto escribimos non somos teóricas da literatura senón lectoras e animadoras á lectura no grao que este espazo nos permite, así que imos deixar ese debate para o que cadaquén queira pensar e axiña vos falaremos das maleducadas escritoras que teñen no seu haber como mínimo una obra de corte fantástico escrita en galego.

E agora ven o complicado porque, que significa “obra de corte fantástico”? Neste punto imos seguir a definición aberta que propón o blog Digital Traduc: "Coñécese como literatura fantástica calquera relato en que participan fenómenos sobrenaturais e extraordinarios, como a maxia ou a intervención de criaturas inexistentes".*
* A tradución é nosa

Unha vez aclarado en que nos baseamos para falar de fantasía, imos agrupar baixo distintos epígrafes o nome dalgunhas maleducadas escritoras de fantasía, e comezaremos, por esta ruda cortesía que nos caracteriza, por poñer o foco sobre a propia Elena e as outras escritoras seleccionadas para competir no noso peculiar campionato. Que vos parece?

As participantes no noso Campionato de Fantasía: Elena Gallego Abad, María Solar e María Xosé Queizán


Elena Gallego Abad foi unha das participantes no noso Campionato de Fantasía en Galego grazas a ter escrito a triloxía Dragal, un supervendas galego que relata a historia dun misterioso dragón de pedra na Galiza. A historia acadou tal éxito que está en proceso de trasladarse á pantalla (interesantes as reflexións de Ignacio Prados ao respecto) nun proxecto crossmedia múltiple e xuntarse a tantas outras historias escritas por mulleres que trascenderon o papel (nós mesmas o investigamos en "Escritoras: del papel a la pantalla"), o que, centrándonos no caso galego, semella un imposible (repasando a filmografía de longametraxes galegas, só atopamos a adaptación de O club da calceta, de María Reimóndez, e unha mención á futura adaptación de Cobardes, de María Xosé Porteiro, que non sabemos se se levou á práctica; as curtas non puidemos repasalas por falta de tempo). Por certo que, buscando documentación para esta entrada, atopamos un artigo abofé interesante sobre a literatura galega e o cine, "La ficción visible", de José María Paz Gago, que mencionamos para quen guste do tema.

Volvendo ás escritoras de fantasía, as dúas compañeiras que acompañaron a Elena no campionato foron María Xosé Queizán (con O segredo da pedra figueira) e máis María Solar (autora de As meigas de Lupa), tres escritoras e tres obras imprescindibles ao noso ver para construír unha ponte entre o onte e o hoxe da fantasía literaria en galego.



Fantasía infantil: Úrsula Heinze, Ángela Gracián, Ana María Fernández Martínez, An Alfaya…


A elas poderían engadirse outras autoras de literatura infantil e xuvenil xa clásicas, como Úrsula Heinze ( aí está, por exemplo, A nena de ouro), que acaba de recibir a distinción Medalla Castelao 2013 xunto con outros persoeiros e proxectos galaicos. De feito, son moitos os relatos para nen@s que empregan elementos fantásticos, escríbanos homes ou mulleres, talvez porque na nenez vivimos ancorados nun universo no que o real e o irreal aínda non están nitidamente separados. E así, podemos atopar un prado florido onde viven As bolboretas douradas (Ángela Gracián), coñecer a O pirata da illa de Prata (Ana María Fernández Martínez) na súa aventura mariña na que encontrará animais fabulosos mentres procura un lugar onde botar o amarre da súa goleta, ou a fraga de Os seres con raíces na cara (An Alfaya) onde trasnos e fadas andan en bicicleta.



Fantasía xuvenil: Natalia Carou Figueira, Marica Campo, Teresa González Costa…


Para lector@s algo máis avezad@s, internándonos no mundo do libro xuvenil, as escritoras galegas agasállannos con historias que apostan polo fantástico, como O alento nas costas (Natalia Carou Figueira) (coa aparición dunha pantasma medieval nun presente doloroso no que aparece un pantasma peor, o das drogas), un conxunto de lendas con raíz moi galega e moi feminina en Confusión e morte de María Balteira (Marica Campo), e mesmo hai lugar para a distopía en novelas como Eu, pel (Teresa González Costa).



Fantasía sen idade: Carmen Blanco, Begoña Caamaño…


Tamén salientables, aínda que xa sen límite de idade (se é que o tivestes ata agora en conta) son os esforzos de Carmen Blanco en Vermella con lobos, que recrea os contos clásicos como o de Carapuchiña desde unha perspectiva feminista, ou o Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño, que da outra volta ao ciclo artúrico para descubrirnos a intimidade de Morgana.

Repasando estes títulos decátome de que achegarse ao xénero fantástico permítelles a moitas escritoras e expertas en feminismo(s) (e machismos) reflexionar sobre o rol das mulleres na sociedade con extensa liberdade.



Aposta editorial pola fantasía: o caso de Urco e Contos Estraños: María Acosta, Vanesa Santiago (ehem ehem), e as escritoras de Verbas de Atenea


Ademais das anteriores, permitide agora que presente a Urco Editora, unha casa especializada en fornecer de fantasía, ciencia ficción e terror o panorama literario galego, enriquecéndoo desde o ano 2007. A través dela, eu mesma me estreei como escritora hai un par de meses (de aí os "ehem ehem" do epígrafe, resulta moi estraño nomearse a unha mesma, e máis cando nos mares dixitais case non emprego ese meu nome -Vanesa Santiago Vázquez- senón o alcume co que todas as maleducadas e maleducados me coñecedes, Dúas Lúas), estrea que chega da man de Daia Dalúa, unha das protagonistas de Ninguén lembra, volume que recolle a historia esquecida de Degon Aerinaira, do Pobo do Norte e da Xente Poderosa da Terra. Mais non foi a miña, como poderedes imaxinar, a primeira aposta de Urco pola literatura fantástica escrita por muller: o ano pasado, sen ir máis lonxe, María Acosta publicou O enigma dos nove sepulcros, que relata a historia dun rapaz que descubre o mundo ignoto que se agocha tras os sumidoiros. Nós quixemos saber máis, e puxémonos en contacto con ela. Á maior brevidade posible poderedes ver o resultado, xa que nos parecía engrosar moito esta mesma entrada incluír aquí todo o que nos contou.

Non quero rematar sen citar a Contos Estraños, proxecto que xorde en 2011 moi ligado ao de Urco, que sacou adiante en marzo deste 2013 o volume Verbas de Atenea, integramente escrito e ilustrado por mulleres, e do que contades coa crónica maleducada da súa presentación oficial mercé a Patricia Mariño, unha das súas contribuintes, onde atoparedes unha chea de sucesos marabillosos que vos sorprenderán. Incluímos, para curiosidades mórbidas, a lista completa de creadoras:
Ana García (texto e ilustración), Maruxa Martínez (texto) e Minia Regos Sanz (ilustración), Suzi Ons (texto) e Ana Castiñeiras (ilustración), Erica Couto (texto), Patricia Mariño (texto), Xulia María Barros (texto) e Judit Pequeño Vázquez (ilustración), Lúa Campos (texto e ilustración), Beatriz Guerra (texto), María Eijo (texto) e Tamara Castro Laplaña (ilustración) e Tuula Ahola (texto).



Fantasía en portugués: Sandra Carvalho, Paulina Chiziane, Marina Colasanti…


Pareceunos interesante citar o nome e a obra dalgunhas escritoras en lingua portuguesa que están ao voso alcance a través da rede de Bibliotecas Nodais de Galicia.

  1. Sandra Carvalho (Portugal): dela podedes ler O círculo do medo, continuación da Saga das Pedras Mágicas)
  2. Paulina Chiziane (Mozambique): preguntade na vosa biblioteca nodal máis próxima polo seu libro O sétimo juramento.
  3. Marina Colasanti (italo-brasileira nacida na ex-colonia portuguesa de Eritrea): escribiu No labirinto do vento. Non volo perdades! --> Dispoñible en galego.

Fantasía en castelán de escritoras galegas: Natalia Corbillón, Isabel Llor, Cristina Prieto Solano, Gala Romaní…


Tamén hai escritoras da terra que prefiren escribir as súas fantasías en castelán. Moitas delas eu non as asociaba a Galicia, pero investigando en Nova Fantasía aprendes moitas cousas...

  1. Natalia Corbillón (Ourense): autora da triloxía Los Hijos de Gea.
  2. Isabel Llor (Vigo): autora de La capilla blanca.
  3. Cristina Prieto Solano (Ferrol): autora de La claridad de la sombra.
  4. Gala Romaní (Vigo): autora de La sombra de los lobos.

Escritoras non galegas traducidas ao galego


Por fin, por deferencia a quen saboreamos con auténtica gula a fantasía escrita en galego, engado aquí un trío de ases extraancares* que podemos ler na rosaliana lingua.
* Neoloxismo 100% maleducado: quere dicir máis alá dos Ancares, non galegas.

  1. Maite Carranza (Cataluña): deléitanos coa triloxía de A Guerra das Bruxas, escrita orixinalmente en castelán.
  2. Cornelia Funke (Alemaña): súa é a aínda inacabada saga Mundoespello.
  3. JK Rowling (Inglaterra): non podía faltar a colección de Harry Potter, traducida segundo estimacións da Wikipedia a 67 idiomas.

Un par de apuntamentos sobre fantasía en galego


No hay comentarios:

Publicar un comentario