24 feb 2014

Un día para a mala educación

O 24 de febreiro, dende hai algúns anos, en Galicia festexamos o Día de Rosalía conmemorando a data de aniversario da poeta galega. Entre as accións previstas este ano, propúxose unha campaña de autofotos á cal nos sumamos coa imaxe que vedes a continuación. Veredes que non é exactamente unha autofoto senón unha foto netamente maleducada, onde teñen representación unha colección de libros escritos por autoras galegas que arroupan a obra de Rosalía ou aqueloutra baseada nela.


Ademais, en Maleducadas, quixemos facer coincidir un día tan significativo para a nosa mala educación co lanzamento do primeiro especial sobre a música e poeta Luísa Villalta, a poucos días de que se cumpran 10 anos do seu pasamento, unha persoa que, como a Rosalía lle tería gustado, non se parou nunha poetica de rexurdimento senón que foi máis alá.

Cada un dos especiais mensuais que publicaremos, incluído o que podes descargar ao final da entrada, incluirá catro apartados: un texto de Luísa, un libro para Luísa, lembranzas de Luísa, e unha palabra do dicionario que teña relación con algo do exposto ao longo do folleto. Aquí o tedes, pois, para todos vós.



Deixámosvos coa ligazón aos datos biográficos e bibliográficos que inclúe a páxina GALEGOS: