23 abr 2013

Volvede máis tarde

Buff... Ola, ola, xa sei que é o día do libro, pero precisamente por iso hoxe estou moi ocupada: teño un na man esquerda mentres escribo a un só dedo coa dereita! Nada, déixovos. Pola tardiña vos conto o que planificamos entre a Bibliotecaria Maleducada e máis eu para festexar a data. Que si, que si... Que agora estou a ler embebida... Vinde á noite, mellor aínda, que isto está imposible de ceibar...

17 mar 2013

Lírica en castelán da musa do galego


Andan xa ansiosos por sucar o océano os versos rosalianos que liberaremos para que a voz da musa cante de beira a beira. Mais o tempo (climatoloxicamente falando) non acaba de cadrar coas nosas intencións, e temos a proposta gardada dentro dunha paréntese que pecharemos en canto poidamos. Mais non queremos deixar pasar máis días sen seguir dándolle voz a Rosalía, que cante e que cante, que non cale nunca, e hoxe decantámonos pola súa obra lírica en castelán, que o galego témolo reservado coma un tesouro precioso para as últimas semanas da axenda, as que nos acheguen ao dezasete de maio.
Que non só no maltratado galego cantou a poeta; tamén na lingua que chegou de Castela, e cremos que, igual que se di de Joyce, que moldeaba a lingua inglesa mellor que calquera literato (ou literata) da vella Inglaterra, Rosalía empregou a lingua dos “castellanos de Castilla” con absoluto virtuosismo, para descrédito dos intelectuais que non querían crer no xenio desta creadora irrepetible nin como muller nin como galega. En resumo: que escribía en galego porque lle daba a gana, non porque non o fixese ben en castelán. Definitivamente, maleducada!
Así, rescataremos intres fugaces do que describimos a continuación:

LA FLOR (1857)

Estamos ante o seu primeiro libro de versos, publicado durante unha estancia en Madrid e baixo a influencia da lectura de autores románticos. Nel comezan a esbozarse temáticas que estarán presentes, en maior ou menor medida, ao longo de toda a súa obra, relacionadas cos sentimentos máis escuros e sombríos.


A MI MADRE (1863)

A pesar de que nos primeiros anos Rosalía e a súa nai non poden convivir debido a que non é recoñecida polo pai e é criada por unhas tías, cando a nai a leva finalmente con ela a relación entre as dúas será moi intensa. Cando a nai lle falta, Rosalía sente que perdeu a alguén fundamental e que con ela morreu unha parte de si mesma. Por iso lle dedicará esta pequena homenaxe estruturada nuns poucos poemas.


EN LAS ORILLAS DEL SAR (1884)

No último libro de versos publicado por Rosalía, a súa mestría é xa indubidable. Os poemas que o integran, innovadores en canto á métrica, inspirarán máis adiante a outros grandes creadores polo simbolismo que rebordan. Neles, vence o pesimismo e a desesperanza.



OUTROS POEMAS

Podemos ler, ademais, outros poemas soltos recompilados hoxe nas súas obras completas, que selan cun broche de ouro a bibliografía da autora.




PARTICIPA!

E que pretendemos con todo isto, nesta ocasión? Que leva implicito o "Participa!" de hoxe? Dado que na primeira fixemos campaña de buzoneo real e na segunda quixemos deixar ao mar a responsabilidade de espallar o cantar de Rosalía, agora será cousa vosa: compartide nas redes sociais (Facebook, Twitter, etc.) as nosas imaxes! Que se escoite a voz da musa! Canta, Rosalía!

11 mar 2013

Verbas de Atenea: a crónica

Queridiñas e queridiños todos que seguides as nosas tolemias literarias neste recuncho do ciberespazo: hoxe temos unha grande nova: a literatura galega congratúlase por darlle a benvida a Verbas de Atenea, un volume da colección Contos Estraños, de periodicidade trimestral. Anda este Verbas de Atenea infestado de historias maleducadas pertencentes a ese mundo que, invisible aos nosos ollos, peta nas fronteiras da máis fervorosa imaxinación: fantasía, ciencia ficción e terror danse a man neste proxecto estraño que, volume a volume, tomou corpo nun quinto número (máis o cero, co que sería o sexto) e que por primeira vez lle cede o protagonismo ás máis enfermizas mentes femininas dito dende a máis rendida admiración. Hai que ser deliciosamente maleducada para traspasar as fronteiras que pretenden etiquetar a "literatura feminina" nun xénero ou nuns poucos xéneros concretos. Que por algo a imaxinación da ás, e por algo nós (a máis maleducada bibliotecaria e a aluada que anda a redactar estas reviravoltas), malia que físicamente non puidemos achegarnos a Santiago de Compostela para asistir á presentación deste Verbas de Atenea, fixemos uso das ás que nos prestan as letras para traervos unha crónica escrita dun xeito doentemente directo e poder sentir así (coma o sentimos nó-las dúas) que roldades coma pantasmas, dun xeito etéreo e exquisito, entre esas xentes que se congregaron na presentación, este sábado 9 de marzo, comendo risas e brincadeiras, participando da tertulia posterior ao xantar, escoitando as voces que falan da sabedoría das mulleres, pasando o dedo polas primeiras palabras das Verbas de Atenea...

En fin, que, en resumo, contamos coa mellor axuda posible: a de Patricia Mariño, veciña na blogosfera co seu recomendable espazo Los relatos de Patri, que aceptou moi positivamente actuar como a nosa cronista maleducada na xornada de presentación de Verbas de Atenea, na que participou como autora ao ter asinado un dos relatos que compoñen este número de Contos Estraños, "A lenda dos Mariño", que, segundo a propia Patricia nos comentou, é para ela unha historia moi especial porque volve a súa ollada á lendaria orixe dun dos seus apelidos (Mariño, como podedes observar). O núcleo da lenda son, precisamente, os seres coñecidos como Mariños, descendentes dun humano e unha serea. Mentres que, ao parecer, na maioría das versións o humano é un nobre, na que constrúe Patricia, tal e como a oíu relatar acotío, quen coñece á serea que dará principio á saga é un mariñeiro.

Agora que xa coñecedes á nosa cronista e, un pouco por riba, aquilo que nos vai relatar, xa deixo o teclado nas mans de Patricia Mariño para que poidades irvos enchoupando da sabedoría (100% maleducada) que pariron estas Verbas de Atenea. Claro que, para enchouparse efectivamente con elas, haberá que agardar a abril...

Presentación de “Verbas de Atenea” de Contos Estraños, a cargo de Patricia Mariño

O sábado día 9 de marzo, xusto despois do Día da Muller Traballadora, tivo lugar a presentación do volume nº 5 de Contos Estraños, titulado desta vez Verbas de Atenea, e como non podía ser doutro xeito nestas especiais datas, este libro está dedicado as mulleres. Nesta ocasión, os editores Fernando Cimadevila e Tomás González Ahola fixeron un chamamento para que colaborasen as autoras e ilustradoras de fantasía, terror e ciencia ficción da Galiza.  
Dita presentación, acontecida en Santiago de Compostela, estivo composta por dous actos diferenciados. Por unha banda, unha comida no restaurante J de Joker, xa tradicional nas presentacións de Contos Estraños e, por outro, o que foi a presentación en si, na libraría Lila de Lilith, especializada en mulleres, moi axeitada para un acontecemento desta natureza. 
Eu, como autora, acudín con toda a ilusión do mundo a presentación da miña primeira publicación. Primeiro estiven na comida coñecendo algúns compañeiros e compañeiras que colaboran habitualmente coa editorial, entre eles outra das autoras deste volume, María Eijo. Alí puiden xa admirar por primeira vez o libro, estaba moi emocionada, con esa fermosísima cuberta estilo Art Nouveu, deseñada por Jara Zambrano, e tamén tiñan números anteriores e algunha das novelas para botarlle unha ollada. A comida estivo moi ben e aderezada coas animadas conversas, as risas e anécdotas.  
Lote de "Verbas de Atenea" xunto a outros productos
Despois dirixímonos cara a Lila de Lilith para o acto de presentación. Nunca estivera nesta libraría, e a verdade é que me gustou moito, ten material ben interesante, e ademais ver xa nunha libraría exposto un libro no que escribiches é unha sensación indescritíbel.  
Preparando o escenario da presentación
O acto de presentación foi dirixido por Fernando Cimadevila, que fixo unha pequena introdución, explicando un pouco como vai a publicación da colección Contos Estraños. Contos Estraños, para que non a coñeza, é unha editorial que ten dúas liñas, unha infantil e outra adulta. Na liña adulta ten por un lado novelas e por outro a colección [que da nome á editorial] á que pertence Verbas de Atenea; trátase dunha publicación trimestral á maneira daquela mítica revista americana chamada Weird Tales, na que tamén publicaban relatos de fantasía, terror e ciencia ficción, publicación que lanzou a dous grandes escritores desta temática como son H.P. Lovecraft e Robert E. Howard (creador de Conan o bárbaro e Solomon Kane entre outros). Fernando contou como tiveron a inspiración de facer un número de Contos Estraños con presenza exclusivamente feminina. A razón foi que nos números anteriores desta colección o número de relatos escritos por mulleres que recibiron foi bastante escaso, nalgún número incluso non tiveron ningún, co cal preguntáronse se non había autoras nin ilustradoras destes xéneros en Galiza e, coincidindo con esta data especial do Día da Muller Traballora, decidiron arriscarse. Ao final, segundo dixo Fernando, o resultado foi satisfactorio, e acudiron á súa chamada un bo número de candidatas, co que se fixo patente que as mulleres estamos aí, agochadas, cústanos aínda saír, pero aquí estamos. Dende logo este número seguro que da un bo impulso a participación feminina nos seguintes números, e incluso con algunha novela. Eu dende logo intentarei seguir colaborando. Tamén explicou un pouco o motivo do título, Verbas de Atenea: quere simbolizar o esplendor da sabedoría feminina na época grega, simbolizada pola deusa Atenea, e en contraste con esa grande época os seguintes séculos de anonimato das mulleres, que sempre estaban na sombra, transmitindo a súa sabedoría de maneira clandestina.  
Cando Fernando rematou a súa introdución deu paso a que falaran tres das autoras e ilustradoras do libro, que actuaron en representación de todas; con el na mesa estaban Jara Zambrano, ilustradora da marabillosa portada, Suzi Ons, autora do relato “O caso San Martiño” e Lúa Campos, autora e ilustradora de “O Ciclo”. Jara falounos un pouco do proceso creador da portada, como, ó ser un número dedicado as mulleres, lle pareceu axeitado empregar o estilo Art Nouveau, por ser un estilo delicado. Segundo nos contou, por motivos de traballo tivera que experimentar con este estilo e quedou moi satisfeita. Debido ao título do volume fixo unha escena na que se ve no centro Atenea, e vense tamén unhas mulleres que escoitan e recollen esa sabedoría secreta que as mulleres foron pasando de xeración en xeración. Suzi falounos da súa afección pola ufoloxía e as conspiracións nas que se inspirou para o seu relato; tamén contou como curiosamente nesta ocasión a presenza maioritaria é de personaxes masculinos, a pesar de que normalmente lle gustaba escribir sobre mulleres aventureiras e valentes; deu como referencia a escritora Matilde Asensi, da que dixo que lle encantaban as súas novelas e as súas protagonistas pouco estereotipadas. Agora foi a vez de Lúa Campos para falarnos un pouco do seu relato “O ciclo”, o cal escribiu e ilustrou; deu clara mostra dun gran talento multidisciplinar. Contou como esta obra súa levaba tempo creada e gardada nun caixón, e pareceulle que encaixaba co espírito deste volume, polo tanto, rescatouna, volveu a lela e fixo a súa propia ilustración. Lúa Campos, normalmente, dedicase máis a pintar (xa fixo varias exposicións e gañou un premio por un cadro) que a escribir, aínda que dixo que repetiría a experiencia.  
Mesa dende a que Fernando Cimadevila e algunhas autoras
compartiron a súa experiencia no proceso de publicación
de Verbas de Atenea
Na última parte de presentación, Fernando preguntou aos asistentes se querían facer algunha pregunta, co que un dos seus escritores habituais preguntou se encontrara algunha diferenza á hora de traballar con mulleres, e a resposta de Fernando foi que as mulleres estaban máis dispostas a colaborar, aceptaban mellor as suxestións do editor, e entregaban o traballo e os documentos pertinentes con maior velocidade. Esta pregunta e resposta foi con moito humor e provocou o punto máis humorístico da presentación. 
Vista xeral d@s sistentes á presentación en Lila de Lilith
Por último a xente comprou algúns exemplares e as autoras e ilustradoras presentes firmaron algúns deles.  
Verbas de Atenea ten a estrutura habitual dos demais volumes desta colección: en primeiro lugar, un apartado no que falan os editores (Fernando e Tomás); despois a ilustradora da portada, Jara Zambrano, explícanos como foi o proceso de creación da ilustración; a continuación ven a sección dos contos nos que as autoras son: Ana García (texto e ilustración), Maruxa Martínez (texto) e Minia Regos Sanz (ilustración), Suzi Ons (texto) e Ana Castiñeiras (ilustración), Erica Couto (texto), Patricia Mariño (texto), Xulia María Barros (texto) e Judit Pequeño Vázquez (Ilustración), Lúa Campos (texto e ilustración), Beatriz Guerra (texto), María Eijo (texto) e Tamara Castro Laplaña (ilustración) e Tuula Ahola (texto). De seguido ven a parte das novelas curtas, na que hai presenza masculina pois estas historias xa veñen do número anterior, e están escritas por Santiago Bergantinhos e Tomás González Ahola. Por último, a parte dedicada a tradución onde Manuel Ángel Gayoso traduce o relato “Vampiro” da gran Emilia Pardo Bazán. En resumo, un número moi interesante e fermoso que estará nas librarías en abril. ¡Non deixedes de mercalo!
Aquí retomo eu, Dúas Lúas, o teclado, tras a magnífica e exhaustiva crónica de Patricia Mariño, para darlle as máis calorosas e abondosas grazas por prestarse a ser a nosa voz nesta xornada. E a nosa mensaxe habitual de despedida hoxe non temos outra que dedicarcha, Patricia: SEGUÍMONOS! Unha aperta! ;)

5 mar 2013

Rosalía e o mar


Na nosa campaña de difusión da obra rosaliana Canta Rosalía, hoxe temos para vós unha nova actividade que agardamos que vos guste. Con anterioridade espallamos fragmentos da súa Carta a Eduarda, e o que agora traemos son pequenas pílulas de La hija del mar, mais non nos conformamos con deixala voar nos buzóns do vecindario: queremos que suque o mar! Para iso, na nosa páxina de facebook colgamos un álbum cos fragmentos elixidos e aquela imaxe que teña máis “Gústame” de aquí ao sábado será introducida nunha botella que, correctamente selada, viaxará acabalo das ondas do Atlántico e se cadra arribará a afastadas ribeiras ou se mergullará na procura das protagonistas da historia.

Capa dunha das edicións
de La hija del mar
Ademais, antes do sábado, tes a posibilidade de propoñer outras citas, as túas favoritas da devandita obra (La hija del mar). Podes facérnolas chegar a través das múltiples canles coas que contamos, comezando cos comentarios desta mesma entrada, e incluiremos unha nova imaxe con elas no álbum de Facebook.

La hija del mar (1859), escrita en castelán, é un relato con sabor salgado que nos achega á vida de dúas mulleres excepcionais, Teresa e Esperanza, nai e filla, vencelladas ao mundo mariñeiro, que se verán arrastradas á traxedia de corte romántico dun amor cuxa contraparte queda en mans dun pirata desalmado.

Podes ler La hija del mar picando AQUÍ.

24 feb 2013

Canta Rosalía

Entre o 24 de febreiro e o 17 de maio os días medran, as flores comezan a alegrar os campos, nace a primavera, e as maleducadas do mundo inauguramos o noso trimestre rosaliano Canta Rosalía. Como unha primavera para Galicia e para o mundo das letras nace un 24 de febreiro de 1837 a nena Rosalía de Castro, e como camelias ábrense os seus Cantares Gallegos un 17 de maio de hai xa 150 anos, conmemoración que moitos anticipan ao día do seu aniversario co son das gaitas chorando a súa figura, pois como ela mesma declarou:
anque mimosa gaitiña
toque alborada de groria,
eu podo decirche:
Non canta, que chora.
Van medrando os días, e medran tamén os actos e xestos en memoria da escritora que desdeñaba que a chamasen poetisa por consideralo despectivo. Poeta, pois, es para nosoutras, que te upamos ao máis alto do podio maleducado polos versos e escritos que nos legaches, e pola túa defensa da lingua falada polo pobo e a túa denuncia contra o menosprezo xeneralizado cara as mulleres e as maleducadas literatas en particular. Descansa en paz: outras continuamos a túa loita.

Por iso, para non esquecer o camiño galaico e feminista desarborado pola nosa musa favorita, principiamos unha axenda en paralelo galego-castelá á que denominamos Canta Rosalía para espallar a súa obra, e que a poeta volva cantar as súas verdades ao vento. Esta semana que entra: rebentemos as caixas de correos con fragmentos da súa Carta a Eduarda! DESCARGA AQUÍ MESMIÑO UN MODELO PARA IMPRIMIR


Non a coñeces? Pois deberías, porque se trata dunha epístola simulada onde se reflicte en toda su crueza a imaxe, cargada de prexuizos, que padecían as escritoras do século XIX (tal e como a sentía Rosalía en propia pel), a medio camiño entre soberbias e maleducadas, incluindo o selo de farsantes. Ante iso, e perante o mare magnum de xente de toda ralea que se lanzaran á aventura de escribir créndose homeros (situacións que, en maior ou menor medida seguen a ter vixencia hogano, sabendo que o documento se publica en 1865), quen asina a misiva, unha tal Nicanora, recoméndalle a outra, unha tal Eduarda, que, con obxecto de vivir sen presións nin preocupacións extraordinarias, escriba só para si mesma e que ao remate destrúa os papeis empregados no choio, dura penitencia para quen verte neles a súa existencia.

Descarga o documento con fragmentos de Carta a Eduarda, imprímeo, recórtao e espállao! --> DOCUMENTO

19 feb 2013

Club 100%: Desartellando Mundoespello

Na nosa segunda entrega do club de lectura en galego (o primeiro que pasou por aquí foi O segredo da pedra figueira, de María Xosé Queizán) seguimos con fantasía, só que desta vez dunha autora de alén das nosas fronteiras: a escritora alemá Cornelia Funke, traducida á nosa lingua pola tamén muller Chus Bello, con quen por certo mantivemos unha maleducada conversa falando do seu traballo como tradutora.

O libro a debatir é o primeiro dunha saga, Reckless. Carne de pedraConta Cornelia que cando Will Reckless segue ao seu irmán Jacob  ao mundo tras o espello, habitado por seres máxicos, cae baixo a maldición da carne de pedra, e sobre esta historia que principia de xeito tan suxestivo non podemos deixar de imaxinar.

Coma saberedes quen sigades o club de lectura paralelo que facemos con libros en castelán, o esquema a seguir é un pouco libre; non pretendemos xulgar a lectura senón facernos preguntas deixándonos levar polo vento da escrita dun lado a outro como abellas pousándose de flor en flor: a nosa mel é a reflexión. Nesta ocasión, a nosa atención foise centrando en distintas áreas temáticas da novela, por así dicir, principalmente nas que nos levaban a outras historias como unha arañeira metaliteraria ou metaficticia, pois non só de libros falaremos senón tamén de fábulas e de cinema. Poderemos aguilloar, cal abellas, a vosa teimuda curiosidade? Acompañádenos nesta viaxe a través do espello e cruzade connosco ao outro lado, onde os contos se converten perigosamente en realidade, a través dun sexteto interrogante.

1. Espellos: por que nos fascinan?

Jacob ten un espello, mais non é un espello calquera: é a porta ao universo máxico dos contos. Quen pense que os espellos ou calquera das súas variantes (refírome a calquera superficie con propiedades reflectantes) son obxectos anódinos, que o volva a pensar despois de ler a nosa historia:
  • Narciso vólvese tolo tras namorarse do seu reflexo nunha lagoa.
  • Harry Potter atopa o Espello de Oxesed que provoca unha forte atracción en quen o mira.
  • A bruxa de Brancaneves escoita do espello que a rapaza é máis belida ca ela, e decide matala.
  • Os vampiros evítanos pois eles revelan a súa condición (non poden reflectirse neles)
  • As Charmed (traducible por Embruxadas), protagonistas dunha serie de televisión, son meigas boas que poden facer uso de espellos para conectar coa versión escura delas mesmas, como pode verse por exemplo no último capítulo (e dobre) da sexta tempada.
  • Noutra coñecida serie televisiva, Lost (Perdidos) non falta o seu respectivo espello; nesta ocasión trátase dunha estación submariña da misteriosa Iniciativa Dharma bautizada The Mirror (literalmente, O Espello).
  • Segundo a lenda urbana da Verónica (en España) ou Bloody Mary (mundo anglosaxón), o espírito do mesmo nome matará a quen a invoque diante dun espello.
  • Conta o mito grego de Perseo que este heroe venceu á mortífera gorgona Medusa grazas á axuda dun espello improvisado.
  • Algunhas versións do tradicional conto de fadas europeo A bela e a besta mencionan un espello máxico que podería empregarse para ver o que ocorría máis alá das fronteiras do castelo que o gardaba, incluída a versión cinematográfica de Disney. Quizais niso se inspirou Google para montar a súa megaestrutura de cámaras de vídeo do Google Street View...
  • Falando de cámaras, na película O show de Truman, protagonizada por un xenial (incrible!) Jim Carrey, estas gravan todas as parvadas que este protagoniza para si mesmo (e os millóns de espectadores do show que ignoraba protagonizar) diante do espello do baño.
  • En Alicia do outro lado do espello Lewis Carroll mergúllanos novamente nun mundo fantástico, mais a porta resulta ser un espello (como no noso libro de lectura) e non o tobo de Alicia no país das marabillas.
  • Tamén Michael Ende, autor de títulos inesquecibles como Momo ou A historia interminable, sente fascinación polos espellos, e unha das súas obras levará por nome Der Spiegel im Spiegel (O espello no espello).
Poderás volver mirarte no espello sen sentir un arreguizo? Por certo, sabías que as persoas que teñen fobia aos espellos padecen eisoptrofobia ou catoptrofobia? Es ti unha delas?
Máis sobre espellos

2. Carne de pedra: existen maldicións ou seres similares?

Pensando na carne de pedra que vai tomando pouco a pouco o corpo de Will, veume á mente a expresión “ter corazón de pedra”, que se emprega para referirse a persoas que non teñen ou non manifestan sentimentos e compaixón cara aos seus e ás súas semellantes. Con seres coa carne de pedra, refírese tamén Cornelia Funke a que o mesmo corazón se lles petrifica? Carecen de alma e mesmo de vontade? Pasan así ante a miña memoria o Golem das lendas xudeoxermánicas, a Medusa (que mencionei co asunto dos espellos) que petrificaba ás persoas co poder dos seus ollos, aos larpeiros comellóns de rocha de Fantasía (que cohabitan o mundo creado por Ende cos Xigantes de Coiraza controlados, como se fosen Golems, pola feiticeira Xallide), os xigantes de pedra que albisca Bilbo Bulseiro na súa aventura pola Terra media (relatada na noveliña O hobbit, de J.R. Tolkien) ou mesmo, xa nun plano xeográficamente real, nos misteriosos Moái, guerreiros pétreos e colosais da Illa de Pascua. Inspiraríase Cornelia Funke nalgúns destes exemplos para crear a eses fascinantes seres de pétrea pel, que se multiplican ao parecer coma unha praga, coma unha enfermidade contaxiosa, que avanza cal lepra polo corpo dos afectados?
Ficción e realidade de xigantes pétreos 

3. Expresión: "ter corazón de pedra": que significa?

A carne de pedra, da que xa falamos, tróuxome ao maxín a preciosa e terrible expresión “ter corazón de pedra”. Pero, exactamente, que significa? Intentando afondar nese asunto, atopei algunhas ligazóns curiosas, como a que enlaza co Wikicristiano (¿?). Ao parecer, o significado da metafórica expresión aparece na mesma Biblia: 
Un "Corazón de piedra" describe un estado de insensibilidad espiritual y de indiferencia moral (Ez. 11:19). 
Algo máis que unha aprende, señor@s...
A expresión como metáfora

4. Irmáns Grimm: quen foron en realidade?

Dúbidas fóra: este libro escríbese en homenaxe a dúas persoas: os irmáns Jakob e Wilhem Grimm, que escribirán unha das máis famosas recompilacións de contos tradicionais europeos (ao cabo, non son os protagonistas certos Jacob e Will, irmáns?). Sobre isto, hai tanto escrito que sobra o que maleducadamente poidamos aportar, e máis nos últimos meses nos que se veñen conmemorando os 200 anos da publicación da primeira e hogano coñecida recompilación de contos dos irmáns alemáns.
Todo o mundo fala dos 200 anos de contos

5. Animais humanizados: canto hai de animal nun ser humano?

Gústanos a raposa, polo menos a min (isto é, Dúas Lúas), e coido que a Bibliotecaria Maleducada está de acordo comigo. É unha personaxe cambiante que se move e metamorfosea entre a súa forma e personalidades humana e animal. Algo teñen os animais humanizados que nos engaiolan cando somos cativos (para mostra, a sona dos contos da maleducada Beatrix Potter)... e de adultos aínda teñen o seu aquel se quen escribe consegue dotalos de certa complexidade.
Un par de apuntamentos sobre animais moi humanos...

e 6. Contos infantís: aptos para nenos?

Mais hai algo escuro no Mundoespello que percorremos tras os pasos dos nosos protagonistas, Jakob e Will; algo que se agocha nas sombras. Non: non todos os contos infantís foron considerados aptos para nenos (xa o adiantamos en ligazóns anteriores), ou, se o foron, alguén esqueceu escribir nas últimas liñas: “E foron felices para sempre xamais”.

11 dic 2012

Club 100%: 2ª lectura: Reckless. Carne de pedra

Tras un campionato longo e esforzado de literatura de aventuras e fantasía en galego, non abandondamos de momento a nao desta temática porque chega unha vez máis o noso club 100%, de lectura 100% maleducada e na lingua deste país de brumas, con máis brumas se cadra neste mes de decembro, propicio para quedar na casa, sentar no sofá cunha mantiña, e darse á lectura. Aproveitando tan idóneas condicións, convocámosvos á segunda lectura, Reckless. Carne de pedra, de Cornelia Funke, como xa dixemos na mesma liña de aventuras e fantasía que as que participaron no campionato porque a boa fortuna quixo que mantivesemos unha maleducada conversa con María Xesús Bello, a tradutora do libro. O debate ou actividade sobre a lectura publicarase dentro de aproximadamente un mes. Aquí mesmo podedes ler os datos da obra elixida, extraídos directamente da ficha da editorial:
FUNKE, Cornelia. Reckless. Carne de pedra / trad. María Xesús Bello Rivas. Vigo: Xerais, 2010.  
Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil/Infantil traducido ao galego, 2010
Jacob Reckless cometeu un erro: despois de moitos anos de precaución, seu irmán Will cruzou o espello e foi tras el... a un mundo no que os contos máis tenebrosos se volven realidade e no que a maldición dunha fada sementa carne de pedra. Ese mundo foi fuxida e fogar para Jacob durante moitos anos e nel andou por fragas e outeiros na busca de obxetos máxicos para reis e emperadores.Pero cando a pel de Will se transformaen xade, Jacob marcha na procura dunha única cousa: a menciña que salve a seu irmán.