11 dic 2012

Club 100%: 2ª lectura: Reckless. Carne de pedra

Tras un campionato longo e esforzado de literatura de aventuras e fantasía en galego, non abandondamos de momento a nao desta temática porque chega unha vez máis o noso club 100%, de lectura 100% maleducada e na lingua deste país de brumas, con máis brumas se cadra neste mes de decembro, propicio para quedar na casa, sentar no sofá cunha mantiña, e darse á lectura. Aproveitando tan idóneas condicións, convocámosvos á segunda lectura, Reckless. Carne de pedra, de Cornelia Funke, como xa dixemos na mesma liña de aventuras e fantasía que as que participaron no campionato porque a boa fortuna quixo que mantivesemos unha maleducada conversa con María Xesús Bello, a tradutora do libro. O debate ou actividade sobre a lectura publicarase dentro de aproximadamente un mes. Aquí mesmo podedes ler os datos da obra elixida, extraídos directamente da ficha da editorial:
FUNKE, Cornelia. Reckless. Carne de pedra / trad. María Xesús Bello Rivas. Vigo: Xerais, 2010.  
Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil/Infantil traducido ao galego, 2010
Jacob Reckless cometeu un erro: despois de moitos anos de precaución, seu irmán Will cruzou o espello e foi tras el... a un mundo no que os contos máis tenebrosos se volven realidade e no que a maldición dunha fada sementa carne de pedra. Ese mundo foi fuxida e fogar para Jacob durante moitos anos e nel andou por fragas e outeiros na busca de obxetos máxicos para reis e emperadores.Pero cando a pel de Will se transformaen xade, Jacob marcha na procura dunha única cousa: a menciña que salve a seu irmán.

10 nov 2012

FINAL DO CAMPIONATO DE LITERATURA DE AVENTURAS E FANTASÍA EN GALEGO

No meu nome e no da miña compañeira, a Bibliotecaria Maleducada, moitas grazas por seguir este campionato. Sei que estades impacientes porque dea comezo o partido final do noso campionato, así que sen máis demora vos deixamos con Yannika, que retransmitirá o encontro xunto cos pequenos intérpretes dos himnos dos Amala e do Santa Cruz de Ribadulla e... unha sorpresa que chegará no descanso! Grazas a todas as maleducadas persoas que retransmitiron o campionato! Como somos conscientes de que a súa dicción non é demasiado clara, avisamos dende agora que en breve poñeremos á vosa disposición un documento coa transcripción do campionato. E xa nos despedimos desexándovos que gocedes do partido! Saúdos maleducados! ;)

9 nov 2012

8 nov 2012

OS PENALTIS REVELARON OS EQUIPOS FINALISTAS

Tras unha primeira parte de campionato igualadísima, tiveron que ser senllas tandas de penaltis as que decidiran que pasaron á fase final. Coas enquisas pechadas, as que viñeron imitar as tandas de penaltis no noso campionato, o partido será entre os Amala, equipo fundado por María Xosé Queizán (O segredo da pedra figueira), e o Santa Cruz de Ribadulla, presidido por María Solar (As meigas de Lupa). Congratulámonos, como maleducadas que somos, de que ambos equipos ostenten cabeza feminina. Dende esta entrada, desexamos sorte aos finalistas e quedámonos cunha arela: que gane o lector! (e a lectora!). Non esquezas: Mañá, AMALA VS SANTA CRUZ DE RIBADULLA!!!


E ti, de que equipo ves sendo?

7 nov 2012

Nota informativa sobre o noso campionato

Dado un empate múltiple que impide anunciar os finalistas de cada grupo, dende este blog tomamos a decisión de recorrer a unha doble tanda de penaltis para desfacer ese empate. O método de penaltis é sinxelo: a enquisa. Os goles serán os votos que depositedes nas enquisas que se abrirán durante as próximas 24 horas ao respecto. Tira un gol para o teu equipo! Vota para levalo á final! E ti, de que equipo ves sendo?
Poder votar na páxina nai de 100% Maleducadas, a que nos permitiu colgar as enquisas:

Partido grupo 2: SANTA CRUZ DE RIBADULLA VS TERRAS DA ALIANZA

Dona Frederika está ao micrófono para relatarnos o derradeiro partido antes da gran final!



[Efectos de son: banco de imaxes e son do Ministerio de Educación]

Partido grupo 1: ARXINAS DE CIDO VS ORDE DE DRAGAL

Nesta ocasión, contamos coa voz da pequena Ilse para que nos narre o encontro!



[Efectos de son: banco de imaxes e son do Ministerio de Educación]