Mostrando entradas con la etiqueta Mulleres poetas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Mulleres poetas. Mostrar todas las entradas

30 ene 2014

Inauguración do Ano Maleducado "Luísa Villalta"

Dende Maleducadas decretamos unilateralmente o Ano 2014 como Ano Maleducado "Luísa Villalta" en memoria dunha persoa exemplar que nunca se rexeu polas normas de conduta que a sociedade estimaba como axeitadas, senón polo que a vida lle pediu en cada momento: compromiso coa muller, amor pola súa terra, idilio coa lingua galega, paixón pola música, relación treboenta coa literatura, refuxio no verso...


Así pois, a nosa intención será dedicarlle cando menos unha vez ao mes un espazo a diferentes camiños que Luísa percorreu no seu traxecto vital que desafortunadamente se viu abruptamente interrompido fará dez anos este marzo, cando contaba con só 46 anos de idade.

Nada mellor para introducirvos a ela que o emotivo documental Luísa Villalta: paixón e compromiso, realizado por Gallaecia Films, a productora audiovisual do Instituto Isaac Díaz Pardo de Sada, onde Luísa, natural da veciña cidade da Coruña, impartiu clases de lingua e literatura galegas por longos anos.



Contamos con poder ofrecervos en breve unha guía biobibliográfica da autora, pero mentres podedes ir coñecendo a súa obra e biografía a través das ligazóns que adxuntamos:

17 mar 2013

Lírica en castelán da musa do galego


Andan xa ansiosos por sucar o océano os versos rosalianos que liberaremos para que a voz da musa cante de beira a beira. Mais o tempo (climatoloxicamente falando) non acaba de cadrar coas nosas intencións, e temos a proposta gardada dentro dunha paréntese que pecharemos en canto poidamos. Mais non queremos deixar pasar máis días sen seguir dándolle voz a Rosalía, que cante e que cante, que non cale nunca, e hoxe decantámonos pola súa obra lírica en castelán, que o galego témolo reservado coma un tesouro precioso para as últimas semanas da axenda, as que nos acheguen ao dezasete de maio.
Que non só no maltratado galego cantou a poeta; tamén na lingua que chegou de Castela, e cremos que, igual que se di de Joyce, que moldeaba a lingua inglesa mellor que calquera literato (ou literata) da vella Inglaterra, Rosalía empregou a lingua dos “castellanos de Castilla” con absoluto virtuosismo, para descrédito dos intelectuais que non querían crer no xenio desta creadora irrepetible nin como muller nin como galega. En resumo: que escribía en galego porque lle daba a gana, non porque non o fixese ben en castelán. Definitivamente, maleducada!
Así, rescataremos intres fugaces do que describimos a continuación:

LA FLOR (1857)

Estamos ante o seu primeiro libro de versos, publicado durante unha estancia en Madrid e baixo a influencia da lectura de autores románticos. Nel comezan a esbozarse temáticas que estarán presentes, en maior ou menor medida, ao longo de toda a súa obra, relacionadas cos sentimentos máis escuros e sombríos.


A MI MADRE (1863)

A pesar de que nos primeiros anos Rosalía e a súa nai non poden convivir debido a que non é recoñecida polo pai e é criada por unhas tías, cando a nai a leva finalmente con ela a relación entre as dúas será moi intensa. Cando a nai lle falta, Rosalía sente que perdeu a alguén fundamental e que con ela morreu unha parte de si mesma. Por iso lle dedicará esta pequena homenaxe estruturada nuns poucos poemas.


EN LAS ORILLAS DEL SAR (1884)

No último libro de versos publicado por Rosalía, a súa mestría é xa indubidable. Os poemas que o integran, innovadores en canto á métrica, inspirarán máis adiante a outros grandes creadores polo simbolismo que rebordan. Neles, vence o pesimismo e a desesperanza.



OUTROS POEMAS

Podemos ler, ademais, outros poemas soltos recompilados hoxe nas súas obras completas, que selan cun broche de ouro a bibliografía da autora.




PARTICIPA!

E que pretendemos con todo isto, nesta ocasión? Que leva implicito o "Participa!" de hoxe? Dado que na primeira fixemos campaña de buzoneo real e na segunda quixemos deixar ao mar a responsabilidade de espallar o cantar de Rosalía, agora será cousa vosa: compartide nas redes sociais (Facebook, Twitter, etc.) as nosas imaxes! Que se escoite a voz da musa! Canta, Rosalía!

24 feb 2013

Canta Rosalía

Entre o 24 de febreiro e o 17 de maio os días medran, as flores comezan a alegrar os campos, nace a primavera, e as maleducadas do mundo inauguramos o noso trimestre rosaliano Canta Rosalía. Como unha primavera para Galicia e para o mundo das letras nace un 24 de febreiro de 1837 a nena Rosalía de Castro, e como camelias ábrense os seus Cantares Gallegos un 17 de maio de hai xa 150 anos, conmemoración que moitos anticipan ao día do seu aniversario co son das gaitas chorando a súa figura, pois como ela mesma declarou:
anque mimosa gaitiña
toque alborada de groria,
eu podo decirche:
Non canta, que chora.
Van medrando os días, e medran tamén os actos e xestos en memoria da escritora que desdeñaba que a chamasen poetisa por consideralo despectivo. Poeta, pois, es para nosoutras, que te upamos ao máis alto do podio maleducado polos versos e escritos que nos legaches, e pola túa defensa da lingua falada polo pobo e a túa denuncia contra o menosprezo xeneralizado cara as mulleres e as maleducadas literatas en particular. Descansa en paz: outras continuamos a túa loita.

Por iso, para non esquecer o camiño galaico e feminista desarborado pola nosa musa favorita, principiamos unha axenda en paralelo galego-castelá á que denominamos Canta Rosalía para espallar a súa obra, e que a poeta volva cantar as súas verdades ao vento. Esta semana que entra: rebentemos as caixas de correos con fragmentos da súa Carta a Eduarda! DESCARGA AQUÍ MESMIÑO UN MODELO PARA IMPRIMIR


Non a coñeces? Pois deberías, porque se trata dunha epístola simulada onde se reflicte en toda su crueza a imaxe, cargada de prexuizos, que padecían as escritoras do século XIX (tal e como a sentía Rosalía en propia pel), a medio camiño entre soberbias e maleducadas, incluindo o selo de farsantes. Ante iso, e perante o mare magnum de xente de toda ralea que se lanzaran á aventura de escribir créndose homeros (situacións que, en maior ou menor medida seguen a ter vixencia hogano, sabendo que o documento se publica en 1865), quen asina a misiva, unha tal Nicanora, recoméndalle a outra, unha tal Eduarda, que, con obxecto de vivir sen presións nin preocupacións extraordinarias, escriba só para si mesma e que ao remate destrúa os papeis empregados no choio, dura penitencia para quen verte neles a súa existencia.

Descarga o documento con fragmentos de Carta a Eduarda, imprímeo, recórtao e espállao! --> DOCUMENTO