Mostrando entradas con la etiqueta Canta Rosalía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Canta Rosalía. Mostrar todas las entradas

17 may 2013

E Rosalía cantou

Levamos un par de meses (dende o 24 de febreiro, Día de Rosalía) cun proxecto aberto, o Canta Rosalía, que nos levou a achegarnos á obra en castelán da poeta. O motivo era empredrar o vestíbulo desta entrada. A mágoa é que certos agradables imprevistos (a publicación da primiera novela dunha servidora) impediron que profundáramos todo o que quixeramos nel, falándovos dalgunhas novelas de Rosalía como El caballero de las botas azules o do peliñoscrechos (neoloxismo maleducado) Follas novas, mais hoxe non podiamos deixar de rematalo cunha entrada de benvida a Rosalía na nosa colonia Lecturas en femenino e unhgalería de imaxes con fragmentos de Cantares gallegos en Facebook lista para compartir para celebrar o 150 aniversario da súa publicación neste 17 de maio, día para lembrar tamén a Roberto Vidal Bolaño, creador que medra engrandecéndose no mundo do teatro galaico. E vós, con que fragmento rosaliano vos quedades?
Fragmento de "Cantares gallegos" (1863)

17 mar 2013

Lírica en castelán da musa do galego


Andan xa ansiosos por sucar o océano os versos rosalianos que liberaremos para que a voz da musa cante de beira a beira. Mais o tempo (climatoloxicamente falando) non acaba de cadrar coas nosas intencións, e temos a proposta gardada dentro dunha paréntese que pecharemos en canto poidamos. Mais non queremos deixar pasar máis días sen seguir dándolle voz a Rosalía, que cante e que cante, que non cale nunca, e hoxe decantámonos pola súa obra lírica en castelán, que o galego témolo reservado coma un tesouro precioso para as últimas semanas da axenda, as que nos acheguen ao dezasete de maio.
Que non só no maltratado galego cantou a poeta; tamén na lingua que chegou de Castela, e cremos que, igual que se di de Joyce, que moldeaba a lingua inglesa mellor que calquera literato (ou literata) da vella Inglaterra, Rosalía empregou a lingua dos “castellanos de Castilla” con absoluto virtuosismo, para descrédito dos intelectuais que non querían crer no xenio desta creadora irrepetible nin como muller nin como galega. En resumo: que escribía en galego porque lle daba a gana, non porque non o fixese ben en castelán. Definitivamente, maleducada!
Así, rescataremos intres fugaces do que describimos a continuación:

LA FLOR (1857)

Estamos ante o seu primeiro libro de versos, publicado durante unha estancia en Madrid e baixo a influencia da lectura de autores románticos. Nel comezan a esbozarse temáticas que estarán presentes, en maior ou menor medida, ao longo de toda a súa obra, relacionadas cos sentimentos máis escuros e sombríos.


A MI MADRE (1863)

A pesar de que nos primeiros anos Rosalía e a súa nai non poden convivir debido a que non é recoñecida polo pai e é criada por unhas tías, cando a nai a leva finalmente con ela a relación entre as dúas será moi intensa. Cando a nai lle falta, Rosalía sente que perdeu a alguén fundamental e que con ela morreu unha parte de si mesma. Por iso lle dedicará esta pequena homenaxe estruturada nuns poucos poemas.


EN LAS ORILLAS DEL SAR (1884)

No último libro de versos publicado por Rosalía, a súa mestría é xa indubidable. Os poemas que o integran, innovadores en canto á métrica, inspirarán máis adiante a outros grandes creadores polo simbolismo que rebordan. Neles, vence o pesimismo e a desesperanza.



OUTROS POEMAS

Podemos ler, ademais, outros poemas soltos recompilados hoxe nas súas obras completas, que selan cun broche de ouro a bibliografía da autora.




PARTICIPA!

E que pretendemos con todo isto, nesta ocasión? Que leva implicito o "Participa!" de hoxe? Dado que na primeira fixemos campaña de buzoneo real e na segunda quixemos deixar ao mar a responsabilidade de espallar o cantar de Rosalía, agora será cousa vosa: compartide nas redes sociais (Facebook, Twitter, etc.) as nosas imaxes! Que se escoite a voz da musa! Canta, Rosalía!

5 mar 2013

Rosalía e o mar


Na nosa campaña de difusión da obra rosaliana Canta Rosalía, hoxe temos para vós unha nova actividade que agardamos que vos guste. Con anterioridade espallamos fragmentos da súa Carta a Eduarda, e o que agora traemos son pequenas pílulas de La hija del mar, mais non nos conformamos con deixala voar nos buzóns do vecindario: queremos que suque o mar! Para iso, na nosa páxina de facebook colgamos un álbum cos fragmentos elixidos e aquela imaxe que teña máis “Gústame” de aquí ao sábado será introducida nunha botella que, correctamente selada, viaxará acabalo das ondas do Atlántico e se cadra arribará a afastadas ribeiras ou se mergullará na procura das protagonistas da historia.

Capa dunha das edicións
de La hija del mar
Ademais, antes do sábado, tes a posibilidade de propoñer outras citas, as túas favoritas da devandita obra (La hija del mar). Podes facérnolas chegar a través das múltiples canles coas que contamos, comezando cos comentarios desta mesma entrada, e incluiremos unha nova imaxe con elas no álbum de Facebook.

La hija del mar (1859), escrita en castelán, é un relato con sabor salgado que nos achega á vida de dúas mulleres excepcionais, Teresa e Esperanza, nai e filla, vencelladas ao mundo mariñeiro, que se verán arrastradas á traxedia de corte romántico dun amor cuxa contraparte queda en mans dun pirata desalmado.

Podes ler La hija del mar picando AQUÍ.

24 feb 2013

Canta Rosalía

Entre o 24 de febreiro e o 17 de maio os días medran, as flores comezan a alegrar os campos, nace a primavera, e as maleducadas do mundo inauguramos o noso trimestre rosaliano Canta Rosalía. Como unha primavera para Galicia e para o mundo das letras nace un 24 de febreiro de 1837 a nena Rosalía de Castro, e como camelias ábrense os seus Cantares Gallegos un 17 de maio de hai xa 150 anos, conmemoración que moitos anticipan ao día do seu aniversario co son das gaitas chorando a súa figura, pois como ela mesma declarou:
anque mimosa gaitiña
toque alborada de groria,
eu podo decirche:
Non canta, que chora.
Van medrando os días, e medran tamén os actos e xestos en memoria da escritora que desdeñaba que a chamasen poetisa por consideralo despectivo. Poeta, pois, es para nosoutras, que te upamos ao máis alto do podio maleducado polos versos e escritos que nos legaches, e pola túa defensa da lingua falada polo pobo e a túa denuncia contra o menosprezo xeneralizado cara as mulleres e as maleducadas literatas en particular. Descansa en paz: outras continuamos a túa loita.

Por iso, para non esquecer o camiño galaico e feminista desarborado pola nosa musa favorita, principiamos unha axenda en paralelo galego-castelá á que denominamos Canta Rosalía para espallar a súa obra, e que a poeta volva cantar as súas verdades ao vento. Esta semana que entra: rebentemos as caixas de correos con fragmentos da súa Carta a Eduarda! DESCARGA AQUÍ MESMIÑO UN MODELO PARA IMPRIMIR


Non a coñeces? Pois deberías, porque se trata dunha epístola simulada onde se reflicte en toda su crueza a imaxe, cargada de prexuizos, que padecían as escritoras do século XIX (tal e como a sentía Rosalía en propia pel), a medio camiño entre soberbias e maleducadas, incluindo o selo de farsantes. Ante iso, e perante o mare magnum de xente de toda ralea que se lanzaran á aventura de escribir créndose homeros (situacións que, en maior ou menor medida seguen a ter vixencia hogano, sabendo que o documento se publica en 1865), quen asina a misiva, unha tal Nicanora, recoméndalle a outra, unha tal Eduarda, que, con obxecto de vivir sen presións nin preocupacións extraordinarias, escriba só para si mesma e que ao remate destrúa os papeis empregados no choio, dura penitencia para quen verte neles a súa existencia.

Descarga o documento con fragmentos de Carta a Eduarda, imprímeo, recórtao e espállao! --> DOCUMENTO