Na nosa
segunda entrega do club de lectura en galego (o primeiro que pasou por aquí foi
O segredo da pedra figueira, de María Xosé Queizán) seguimos con fantasía, só
que desta vez dunha autora de alén das nosas fronteiras: a escritora alemá
Cornelia Funke, traducida á nosa lingua pola tamén muller Chus Bello, con quen por certo mantivemos unha maleducada conversa falando do seu traballo como tradutora.
O libro a debatir é o primeiro dunha saga, Reckless. Carne de pedra. Conta Cornelia que cando Will Reckless segue ao seu irmán Jacob ao mundo tras o espello, habitado por seres máxicos, cae baixo a maldición da carne de pedra, e sobre esta historia que principia de xeito tan suxestivo non podemos deixar de imaxinar.
Coma
saberedes quen sigades o club de lectura paralelo que facemos con libros en
castelán, o esquema a seguir é un pouco libre; non pretendemos xulgar a lectura senón facernos preguntas deixándonos levar polo vento da escrita dun
lado a outro como abellas pousándose de flor en flor: a nosa mel é a reflexión. Nesta ocasión, a nosa
atención foise centrando en distintas áreas temáticas da novela, por así dicir,
principalmente nas que nos levaban a outras historias como unha arañeira
metaliteraria ou metaficticia, pois non só de libros falaremos senón tamén de
fábulas e de cinema. Poderemos aguilloar, cal abellas, a vosa teimuda curiosidade? Acompañádenos nesta viaxe a través do espello e cruzade connosco ao
outro lado, onde os contos se converten perigosamente en realidade, a través dun sexteto interrogante.
1. Espellos: por que nos fascinan?
Jacob
ten un espello, mais non é un espello calquera: é a porta ao universo máxico
dos contos. Quen pense que os espellos ou calquera das súas variantes (refírome
a calquera superficie con propiedades reflectantes) son obxectos anódinos, que
o volva a pensar despois de ler a nosa historia:
- Narciso
vólvese tolo tras namorarse do seu reflexo nunha lagoa.
- Harry Potter atopa o Espello de Oxesed que provoca
unha forte atracción en quen o mira.
- A bruxa de Brancaneves
escoita do espello que a rapaza é máis belida ca ela, e decide matala.
- Os vampiros evítanos pois eles revelan a súa condición (non poden
reflectirse neles)
- As Charmed
(traducible por Embruxadas), protagonistas dunha serie de televisión, son
meigas boas que poden facer uso de espellos para conectar coa versión escura delas
mesmas, como pode verse por exemplo no último capítulo (e dobre) da sexta tempada.
- Noutra coñecida serie televisiva, Lost (Perdidos) non falta o seu
respectivo espello; nesta ocasión trátase dunha estación submariña da
misteriosa Iniciativa Dharma bautizada The Mirror
(literalmente, O Espello).
- Segundo a lenda
urbana da Verónica (en España) ou Bloody Mary (mundo anglosaxón), o
espírito do mesmo nome matará a quen a invoque diante dun espello.
- Conta o mito grego de Perseo
que este heroe venceu á mortífera gorgona Medusa grazas á axuda dun espello
improvisado.
- Algunhas versións do tradicional conto de fadas europeo A bela e a besta
mencionan un espello máxico que podería empregarse para ver o que ocorría máis
alá das fronteiras do castelo que o gardaba, incluída a versión cinematográfica
de Disney. Quizais niso se inspirou Google para montar a súa megaestrutura de
cámaras de vídeo do Google
Street View...
- Falando de cámaras, na película O show de Truman,
protagonizada por un xenial (incrible!) Jim Carrey, estas gravan todas as
parvadas que este protagoniza para si mesmo (e os millóns de espectadores do
show que ignoraba protagonizar) diante do espello do baño.
- En Alicia do
outro lado do espello Lewis Carroll mergúllanos novamente nun mundo
fantástico, mais a porta resulta ser un espello (como no noso libro de lectura)
e non o tobo de Alicia no país das
marabillas.
- Tamén Michael Ende, autor de títulos inesquecibles como Momo ou A
historia interminable, sente fascinación polos espellos, e unha das súas obras
levará por nome Der Spiegel im
Spiegel (O espello no espello).
Poderás
volver mirarte no espello sen sentir un arreguizo? Por certo, sabías que as
persoas que teñen fobia aos espellos padecen eisoptrofobia
ou catoptrofobia? Es ti unha delas?
2. Carne de
pedra: existen maldicións ou seres similares?
Pensando
na carne de pedra que vai tomando pouco a pouco o corpo de Will, veume á mente a expresión “ter corazón de pedra”, que se
emprega para referirse a persoas que non teñen ou non manifestan sentimentos e
compaixón cara aos seus e ás súas semellantes. Con seres coa carne de pedra,
refírese tamén Cornelia Funke a que o mesmo corazón se lles petrifica? Carecen
de alma e mesmo de vontade? Pasan así ante a miña memoria o Golem das lendas xudeoxermánicas,
a Medusa
(que mencionei co asunto dos espellos) que petrificaba ás persoas co poder dos
seus ollos, aos larpeiros comellóns de rocha de Fantasía (que cohabitan o mundo
creado por Ende cos Xigantes de Coiraza controlados, como se fosen Golems, pola
feiticeira Xallide), os xigantes
de pedra que albisca Bilbo Bulseiro na súa aventura pola Terra media
(relatada na noveliña O hobbit, de
J.R. Tolkien) ou mesmo, xa nun plano xeográficamente real, nos misteriosos Moái, guerreiros pétreos
e colosais da Illa de Pascua. Inspiraríase Cornelia Funke nalgúns destes
exemplos para crear a eses fascinantes seres de pétrea pel, que se multiplican
ao parecer coma unha praga, coma unha enfermidade contaxiosa, que avanza cal
lepra polo corpo dos afectados?
Ficción e realidade de xigantes pétreos
3. Expresión:
"ter corazón de pedra": que significa?
A carne
de pedra, da que xa falamos, tróuxome ao maxín a preciosa e terrible expresión “ter
corazón de pedra”. Pero, exactamente, que significa? Intentando afondar nese
asunto, atopei algunhas ligazóns curiosas, como a que enlaza co Wikicristiano (¿?). Ao parecer, o significado da metafórica expresión aparece na mesma Biblia:
Un "Corazón de piedra" describe un estado de insensibilidad espiritual y de indiferencia moral (Ez. 11:19).
Algo máis que unha aprende, señor@s...
A expresión como metáfora
Todo o mundo fala dos 200 anos de contos
5. Animais
humanizados: canto hai de animal nun ser humano?
Gústanos
a raposa, polo menos a min (isto é, Dúas Lúas), e coido que a Bibliotecaria
Maleducada está de acordo comigo. É unha personaxe cambiante que se move e metamorfosea
entre a súa forma e personalidades humana e animal. Algo teñen os animais
humanizados que nos engaiolan cando somos cativos (para mostra, a sona dos contos
da maleducada Beatrix
Potter)... e de adultos aínda teñen o seu aquel se quen escribe consegue
dotalos de certa complexidade.
Un par de apuntamentos sobre animais moi humanos...
e 6. Contos
infantís: aptos para nenos?
Mais hai
algo escuro no Mundoespello que percorremos tras os pasos dos nosos
protagonistas, Jakob e Will; algo que se agocha nas sombras. Non: non todos os
contos infantís foron considerados aptos para nenos (xa o adiantamos en ligazóns anteriores), ou, se o foron, alguén
esqueceu escribir nas últimas liñas: “E foron felices para sempre xamais”.
Mais vós
si, caros lector@s, vos sede felices. Felices e maleducados, abofé! E agora déixovos:
chámame certo espello...
Falando sobre contos para pasalo de medo